O falecemento do empresario alemán Reinhard Mohn (1921-2009), fundador do Club Círculo de Lectores en España, o pasado sábado na súa cidade natal de Gütersloh, supón o adeus a un home que marcou unha época no mundo da comunicación grazas a un importante grupo que hoxe controla dende unha canle de televisión ata varias editoriais en distintos países.
Mohn, fundador do grupo empresarial Fundación Bertelsmann, obtivo importantes recoñecementos ao longo da súa vida entre os que destaca o Premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades no ano 1998.
Todas estas distincións viñeron tras demostrar que foi un home que fixo o seu imperio pouco a pouco, convertindo a pequena editorial familiar Bertelsmann nun gran grupo de medios de comunicación global. Tras ser prisioneiro de guerra e iniciar unha formación profesional de libreiro, en 1947 asumiu a dirección da imprenta e editorial, a cal expandiu máis aló do mero negocio de edición e de distribución.
En concreto, en España, Mohn creou o Club Círculo de Lectores e a imprenta Printer en 1962. A partir de aí, desenvolveu unha exitosa actividade empresarial que hoxe inclúe a editorial Random House Mondadori (Plaza & Janés, Grijalbo, Debate) e a editora de revistas GyJ, con cabeceiras como Muy Interesante, Ser Padres ou Cosmopolitan e Marie Claire.