O pasado sábado tivo lugar a entrega dos Premios AELG 2007 os gañadores foron Agustín Fernández Paz e Justo Beramendi, nas categorías de Libro infanto-xuvenil e Ensaio, respectivamente. 

A obra premiada de Fernández Paz  O único que queda é o amor, xa recibira o premio Xosé Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil do ano 2007, e a obra de Beramendi, na categoría de Ensaio, De provincia a nación. Historia do galeguismo político, tamen recibira hai dúas semanas o Premio á Obra Editorial do ano 2007, concedida pola Federación de Libreiros de Galicia.

Tamén foron premiados polos asociados da AELG Xosé Luís Méndez Ferrín (Mellor traxectoria xornalística), Iolanda Vilarchao (Tradución), Miguel Anxo Murado (Narrativa), Marica Campo (Poesía) e Millán Picouto (Teatro).

Nas Bibliotecas Municipais da Coruña, invitámosvos a desfrutar dalguna obra dos premiados e especialmente de:

O único que queda é o amor

Hai unha trama de fíos invisibles que une as vidas dos personaxes deste novo libro de relatos de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Pablo Auladell: Diana, Sara, Pablo, Laura, Adrián… todos se namoran e descobren que o amor é un sentimento poderosísimo, capaz de transformalos por enteiro e facerlles a vida doutro xeito. Mais tamén experimentan a amargura do desamor, ou da ausencia, ou dos amores rotos. O amor en todas as súas variantes: desde o primeiro amor adolescente ata que se mantén máis alá da morte. Aínda sabendo isto, as persoas sempre buscamos na nosa vida ese sentimento tan necesario como o aire que respiramos, quizais porque intuímos que, como escribe Orhan Pamuk en Neve, “na vida o único que queda é o amor”. E sempre, os libros como compañeiros da aventura do amar. Un libro memorable.

De provincia a nacion

De Provincia a nación. Historia do galeguismo político é unha investigación sistemática da natureza e evolución dos movementos sociopolíticos de reivindicación de Galicia como suxeito político de seu dende as súas primeiras manifestacións individuais no século XVIII até a actualidade. O tratamento do provincialismo, do rexurdimento e do rexionalismo do século XIX, e máis aínda do nacionalismo galego do século XX, faise cunha profundidade sen precedentes. Para a análise acaída das diferentes dimensións –a ideolóxica, a social, a organizativa, a electoral– e das súas interrelacións, o autor incorpora conceptos e modelos analíticos propios que implican unha notable innovación metodolóxica no eido do estudo do nacionalismo. As maiores novidades neste sentido son a reconstrución das estruturas das ideoloxías, a caracterización das bases sociais e a técnica aplicada para desvelar e cuantificar a fraude electoral na Segunda República. Ademais, en paralelo coa historia central, vai trazando a da cuestión nacional en España, o que permite ter en conta a incidencia de factores extragalegos e comparar o galeguismo político cos seus análogos doutros territorios do Estado español. Isto unido á consideración da natureza e dos problemas maiores da sociedade galega de cada época, dá as claves para unha explicación convincente das causas do nacemento, persistencia, posibilidades e limitacións do nacionalismo galego. Xa que logo, este libro é unha contribución decisiva para coñecer e entender, por que Galicia ten hoxe unha personalidade política irreversiblemente diferenciada.